Praza pública Blogs
Hoxe en Praza:

Un claro no bosque

Blog sobre ecoloxismo social e biodiversidade
Sobre o blog  Os autores  

Contra o poder da “Debedocracia” e contra as ilusións dos keynesianos

Joan Martínez Alier, catedrático de Teoría Económica na Universidade Autónoma de Barcelona e un dos máis destacados investigadores en economía ecolóxica, membro do equipo de coordenación da revista Ecología Política, rexeita tanto a posición dos keynesianos , que ignorando os límites ambientais postulan Crecer para pagar a Débeda, como a da “Debedocracia” defensora dos intereses do capitalismo financeiro, que está a impor a receita de primeiro pagar a Débeda para despois Crecer a base de se endebedar máis. Fronte a estas dúas posicións, Joan Martínez Alier acha que non se pode nin se debe pagar enteiramente a elevada débeda (privada e pública) española. É o que vén de expor no seu artigo “Reino de España: non podemos pagar toda a débeda”, que reproducimos en versión galega.

Reino de España: non podemos pagar toda a débeda

Tanto o Estado español como varias das súas rexións autónomas lanzan emisións de débeda pública prometendo xuros de non menos do cinco por cento anual. Debería estar prohibido porque non hai garantía algunha de que se poidan pagar eses xuros e devolver eses créditos. Iso só sería posíbel se hai bastante inflación (se o diñeiro vale menos) ou se a economía medra. Ou se se aperta máis o cinto á xente, até que haxa unha revolta.

Nos debates sobre a crise actual e as débedas financeiras, hai tres posicións distintas.

A primeira posición é a de economistas keynesianos como Krugman e Stiglitz. Para poder pagar as enormes débedas creadas en Estados Unidos, en Europa, en Xapón, tanto públicas como privadas, hai que crecer. A economía debe medrar, os bancos centrais deben impulsar o gasto, ten de haber crecemento en termos nominais (é dicir, un pouco de inflación) e tamén en termos reais. Debe crecer o que chaman a economía produtiva de fabricación de automóbeis, de produción de cemento para infraestruturas, de produción de servizos de ensino e sanidade… Cómpre regresar ao crecemento, para así poder pagar as débedas. A política de austeridade é suicida económica e socialmente. Non lles falta razón, agás que eles esquecen a economía real-real (1). Máis crecemento implicará inmediatamente máis demanda de petróleo e de gas, máis produción de dióxido de carbono, no caso de que as economías ricas saian da crise actual.

A segunda posición é a dos financeiros acredores, os bancos, os posuídores de bonos, a “Debedocracia”, quen queren custe o que custar que se paguen todas as débedas pendentes. O poder da banca é grande en España e no mundo. Do goberno pásase a dirixir o FMI e do FMI á banca privada. Ou ao revés. Non hai misericordia cos desafiuzados por débedas hipotecarias e non debe habela cos estados manirrotos. Unha razón que se esgrime é que se non se pagan as débedas, a próxima vez ninguén dará crédito a ninguén ao teren sido escarmentados os acredores. Mais vemos na historia que moitas empresas non poden pagar, suspenden pagos, despois, algunhas volven á carga. O mesmo ocorreu cos estados. O caso de Arxentina no 2000 está na lembranza de todos. Endebédanse, declaran moratorias ou defaults parciais, a economía recupérase despois (no caso arxentino, á custa de aumentar enormemente os pasivos ambientais da minería, da agricultura de soia e da industria petroleira, sexa dito de paso).

A insistencia da “Debedocracia” en que se paguen as débedas reflite os intereses do capitalismo financeiro. Mais talvez hai algo máis atrás diso. Ouvindo o intenso ruído de helicópteros da policía no ceo de Barcelona vixiando e intimidando aos manifestantes nos días en que o directorio do Banco Central Europeo se reuniu na cidade, pensei na doutrina do shock de Naomi Klein. Vostedes han pagar sen se queixaren, baixámoslles salarios, negámoslles pagos aos desempregados, obrigámoslles a pagar medicamentos, baixámoslles pensións e subimos impostos, non só para poder pagar débedas (que son impagábeis) senón para que aprendan. Non se lles ocorra protestar. Dean grazas por estar vivos. Non reclamen dereitos. A crise da débeda serve para introducir medo e rebaixas sociais, para poder despedir aos traballadores empregados con máis facilidade, para culpabilizar aos cidadáns da crise dun sistema. Ben, dicían os indignados do 15-M, “nós non somos anti-sistema, o sistema é anti-nós”.

A primeira posición (de economistas keynesianos) é a de Crecer para pagar a Débeda. A segunda posición é primeiro pagar a Débeda para despois Crecer a base de se endebedar máis, volver ao 2007.

O triunfo de Hollande en Francia, reforzará un pouco en Europa a primeira posición. Mais para o Reino de España é xa tarde de máis, a Débeda acumulada é tan grande (a privada e a pública), os xuros que hai que pagar para colocar emisións son tan cuantiosos, que con razón as axencias de risco van baixando a clasificación da débeda española adiviñando que non se poderá pagar na súa integridade.

Hai unha terceira posición, que apenas se ouve nin le nos medios, unha posición que o movemento dos indignados puidera e debera ter expresado claramente hai xa un ano. Non se pode nin se debe pagar a débeda enteiramente. Fai falta unha moratoria, un default parcial, unha reestruturación, unha condonación. Fagamos un concurso para achar o eufemismo máis agradábel. En primeiro lugar, unha moratoria da débeda privada dos que están a piques de ser desafiuzados. Pero moito máis alá, unha moratoria ou default parcial das débedas do estado español e as rexións autónomas en apertos, como Cataluña e algunhas outras. Contra o poder da “Debedocracia” e contra as ilusións dos keynesianos. Aínda que un default español leve á vergoña do recordo de Felipe II.

O que lle aconteceu a Alemaña despois da segunda guerra mundial, cando o banqueiro Herman Abs negociou en Londres pausados pagamentos parciais da débeda externa alemá (após unha enorme traxedia auto-inflixida), o que lle ocorreu o ano pasado a Grecia que tivo que deixar de pagar (con ribetes de farsa pola orixe das débedas pero tamén de traxedia polas inmisercordes esixencias sociais da “Debedocracia”), debe ocorrer xa agora en España. Mellor cedo que tarde. Mellor en xuño que en xullo ou agosto. Antes de que nos metan máis medo e nos impoñan máis rebaixas sociais.

(1) Nota do Tradutor: Economía real-real é un termo empregado en economía ecolóxica para se referir ao terceiro nivel da economía, por debaixo da economía financeira e da economía produtiva ou real. A economía real-real é a dos fluxos de enerxía e de materiais cuxo crecemento depende en parte de factores económicos (tipos de mercados, prezos) e en parte dos límites físicos. A economía ecolóxica asume a realidade de que é o sistema económico quen forma parte da biosfera e non ao revés.