Unha parte importante do movemento ecoloxista apoiará a Folga Xeral convocada para o vindeiro 29 de marzo en todo o Estado español. Este respaldo fundaméntase na consideración de que a última reforma laboral e o conxunto das políticas socioeconómicas neoliberais que se están a aplicar agravan ao tempo as inxustizas sociais e a insustentabilidade ecolóxica.
Ecoloxistas en Acción, a confederación ecoloxista estatal, manifestou o seu apoio á folga xeral e pretende aproveitar a convocatoria para denunciar tanto os recortes sociais como os atropelos ambientais, ambos os dous consecuencias dun sistema económico que favorece as clases máis adiñeiradas e esquilma a natureza. Ademais, está a recoller sinaturas desde a súa web a favor dun manifesto ecoloxista en apoio á folga xeral.
En Galicia é probábel que algunhas organizacións ecoloxistas que xa apoiaron no pasado convocatorias semellantes, tal o caso de ADEGA ou de Verdegaia, expresen tamén publicamente o seu respaldo á Folga Xeral do 29M.