A demanda cada vez maior de recursos naturais ameaza o noso futuro en termos de seguranza, saúde e benestar e erosiona a biodiversidade. É o que confirma a edición de 2012 do relatorio bianual Planeta Vivo, unha investigación de referencia sobre a saúde do planeta impulsada pola organización de defensa ambiental WWF xunto coa Global Footprint Network (Rede da Pegada Ecolóxica Mundial) e a Sociedade Zoolóxica de Londres.
O consumo excesivo e a poboación crecente están a esgotar o capital natural. No canto de vivirmos do rendimentos dese capital estamos a devoralo en detrimento das xeracións futuras. Entre 1966 e 2008 duplicouse a demanda de recursos naturais. “Vivimos como se tivésemos um planeta extra á nosa disposición. Utilizamos un 50% máis de recursos dos que o planeta Terra pode fornecer de forma sustentábel. Se non alteramos o rumo, este número vai aumentar rapidamente – en 2030 nin sequera dous planetas serán suficientes”, afirma Jim Leape, Director Xeral de WWF.
A última edición do relatorio Planeta Vivo estima a pegada ecolóxica da maioría dos estados do mundo á altura de 2008. A pegada ecolóxica exprésase como a superficie necesaria para subministrar os recursos naturais renovábeis demandados por unha determinada poboación e para absorber as súas emisións de CO2 (dióxido de carbono, principal gas causante da mudanza climática). Os estados ricos teñen unha pegada ecolóxica que, por termo medio, é cinco veces superior á dos estados de renda baixa. Os 10 estados coa maior pegada ecolóxica por persoa son Catar, Kuwait, Emirados Árabes Unidos, Dinamarca, Estados Unidos, Bélxica, Australia, Canadá, Holanda e Irlanda. O Estado español ocupa a posición 25, cunha pegada ecolóxica de 4,71 hectáreas por persoa, un 60% superior á pegada media mundial (2,7 hectáreas)
E Galicia, onde está?
As dúas estimacións dispoñíbeis sobre a pegada ecolóxica de Galicia -unha da Universidade da Coruña e outra do Ministerio de Medio Ambiente- situábana nas seis hectáreas por habitante no ano 2000. Se toda a humanidade vivise como os galegos e galegas cumprirían máis de tres planetas. O noso país consume moitos máis recursos e xera moita máis contaminación da que lle correspondería pola súa poboación se toda a humanidade vivise dentro dos límites ambientais e se o reparto do capital natural fose equitativo.
Galicia, coma o resto das comunidades autónomas españolas, tamén as máis periféricas mantén unha relación “ecoloxicamente desigual” (favorábel para Galicia) co resto do mundo, nomeadamente cos países empobrecidos. Non só a pegada ecolóxica o pon de manifesto. Por exemplo, o tan falado exce
dente enerxético é un equívoco, resultado de confundir enerxía primaria con electricidade (unha das formas de enerxía final) e de soslaiar que boa parte da electricidade xerada no noso país procede da queima de carbón e de gas natural importados. A realidade é que case o 80% da enerxía primaria consumida en Galicia provén do estranxeiro (2010), segundo o Balance Enerxético de Galicia elaborado polo INEGA (Xunta).
O sobreconsumo e a dependencia externa de recursos naturais da nosa economía son feitos tan preocupantes como desvalorizados. Como afirma Mathis Wackernagel, presidente da Global Footprint Network, “a dependencia crecente de recursos externos coloca os países en significativo risco. A crise ecolóxica tórnase unha causa das nosas crecentes dores económicas. Usarmos cada vez máis dunha natureza que é cada vez menor é unha estratexia perigosa.No entanto, a maior parte dos países continua nese camiño. Con iso, eles colocan en risco non apenas o planeta mais - o que é aínda máis importante -, colocan a si propios en risco”.
Índice Planeta Vivo
Alén da pegada ecolóxica, o relatorio Planeta Vivo utiliza o Índice Planeta Vivo, de ámbito mundial, para medir as mudanzas na saúde dos ecosistemas do planeta mediante o seguemento do tamaño de 9 mil poboacións de máis de 2.600 especies de mamíferos, aves, anfibios, répteis e peixes. O índice diminuiu en case o 30% desde 1970, existindo importantes diferenzas entre rexións. Así, mentres o declive nos trópicos foi do 60%, nas rexións temperadas o índice medrou un 30%. Isto non significa que os ecosistemas de rexións temperadas como Europa, fortemente deteriorados con anterioridade a 1970, estean en mellor estado de conservación que os das rexións tropicais. O que si revela é como nacións pobres situadas nos trópicos están a “financiar ecoloxicamente” o sobreconsumo e a sobreprodución dos países enriquecidos, que por súa vez están a exportar insustentabilidade ao resto do mundo.
Paradoxalmente, algúns dos países devoradores de natureza do chamado Primeiro Mundo son vistos a miúdo como referentes ambientalistas polos seus logros no coidado do propio territorio (protección de espazos naturais, redución da contaminación local,…). Estes países actúan -até certo punto- para conter a degradación do ambiente dentro das súas fronteiras. Porén, prefiren pechar os ollos perante os danos alén das súas fronteiras asociados aos seus estilos de vida e sistemas produtivos. Ollos que non ven, corazón que non sente.
Propostas
O relatorio Planeta Vivo propón solucións para a xestión e partilla pola humanidade do capital natural dentro dos límites ecolóxicos da Terra, orientadas a protexer o capital natural, producir mellor, consumir de xeito máis responsábel, redireccionar os fluxos financeiros e repartir os recursos de xeito equitativo (ver ilustración).
Existen versións do relatorio Planeta Vivo en portugués (resumo) e en castelán.
@xoseveiras
Xa comentamos nalgún artigo anterior a grave situación do mundo rural galego, no que a falta de perspectivas económicas, carencias infraestruturais básicas e o avellentamento da poboación semellan condenalo a desaparecer ou ficar como un elemento residual. Así, O 70,5% das explotacións que existían en 1999 desapareceron e abandonáronse 1.129.823 has de terras, 59.000 hectáreas de labrado e o resto de monte. En porcentaxes, as terras de labor reducíronse un 23 %.
Esta situación afecta ao conxunto da cidadanía e de xeito especial a aquelas persoas que quedan nas vilas e aldeas. A perda de poboación significa menores orzamentos, peches de centros educativos, sanitarios … . en definitiva, unha deterioro importante nas súas condicións de vida.
Esta sangría é demoledora para a nosa capacidade de producirmos alimentos, mais tamén supón a perda irremediable dunha cultura, un modo de facer e uns coñecementos tradicionais asentados na experiencia de séculos. As consecuencias xa as temos con nos: incendios forestais, perda de biodiversidade…
Publicaba hai uns días X.R. Doldán un artigo titulado “o futuro é rural” no que afirmaba, con razón, que a sorpaso do pico do petroleo marca a fin da era das enerxías baratas sobre as que se sustenta a explosión urbanizadora ( o 70% da poboación galega vive nunha contorna urbana) e a agricultura industrial mecanizada tal como e entendemos hoxe. “Re-ruralizar e re-agrarizar o mundo xa non é unha opción mais apenas algo inevitábel” afirma e propón “mudar as expectativas polos produtores actuais, achegar a produción agrícola a sistemas naturais rexenerativos da fertilidade da terra e de control de pragas, procurar o autosubministro enerxético con base nas renovábeis, promover a produción local e as redes de comercio local de produtos alimentarios, procurar cambios na dieta alimentaria xeral, favorecer as pequenas explotacións e a autoprodución agrícola, etc.”
Hai administracións que teñen apostado fortemente por recuperar o rural, apoiando directamente as persoas que se acheguen, tanto nos seus proxectos laborais como vitais. Nesta liña, o proxecto “Abraza la Tierra” semella un exemplo de como facer as cousa ben. En 2004, dezaoito Grupos de Acción Local, pertencentes ás Comunidades Autónomas de Aragón, Castela e León, Madrid e Cantabria xuntáronse para lanzar este proxecto.
O seu obxectivo é asentar poboación nestas zonas ofrecéndolles asesoramento e apoio non só no eido das subvencións senón tamén na selección do lugar no que establecerse en función das súas expectativas, axuda na procura de vivenda, apoio no desenvolvemento do proxecto laboral, empresarial ou produtivo que desexen e un seguimento do proceso de acollida e integración no lugar escollido. Un apoio integral que xunta as facetas económico-laborais coas sociais na procura de recuperar unha estrutura de comunidade rural que se estaba a esvaecer. É dicir, apoio a “proxectos de vida” no que non só desenvolvan un proxecto laboral ou empresarial senón que se impliquen na vida do municipio e se integren na comunidade.
En 2008 levaban asentadas 500 persoas pertencentes a 230 familias e tiñan 170 máis en proceso.
Botamos en falta proxectos integrais deste tipo nas nosas administracións. Tomen nota e aplíquense. O futuro do noso país está en xogo.
Vén de se celebrar o 40 aniversario do libro The Limits to Growth (Os límites do crecemento), obra de referencia da literatura ambiental. Utilizando a teoría da dinámica de sistemas e a modelización informática, un grupo de investigadores do Massachusetts Institute of Technology (MIT) desenvolveron entre 1970 e 1972, por encargo do Clube de Roma, un proxecto para analisar as causas e as consecuencias a longo prazo do crecemento da poboación e da economía material no noso planeta. O resultado sería The Limits to Growth.
The Limits to Growth cuestiona o arraigadísimo mito do crecemento ilimitado. Cando se presentou recibiu unha chuvia de críticas e desde entón ten sido ridiculizado en innumerábeis ocasións por xente moi diversa, e mesmo esquecido por unha parte do movemento de defensa ambiental. Porén, o escenario do informe denominado business as usual, “facer máis do mesmo”, está a se cumprir. O acontecido no período 1970-2000 coincide moito co proxectado baixo os supostos considerados polo devandito escenario, segundo unha investigación do australiano Graham Turner. De proseguiren así as cousas, de continuar a vivir o conxunto da humanidade -que non toda ela- por riba das posibilidades ecolóxicas globais, sería inevitábel o colapso poboacional e económico por volta de 2030.
Para celebrar o 40 aniversario da publicación de The Limits to Growth, decorreu en Washington o seminario Perspectives on Limits to Growth: Challenges to Building a Sustainable Planet. Nel participou Dennis Meadows, un dos autores principais do informe, hoxe xubilado despois de traballar durante 35 anos como profesor do MIT e da Universidade de New Hampshire. Porque entendemos ten un interese moi especial, reproducimos integramente, traducida ao galego, unha entrevista a Dennis Meadows publicada na web da Smithsonian Institution. Nela explica porque é xa tarde de máis para o desenvolvemento sustentábel. Agora é tempo de falarmos de resiliencia.
De 1970 a 1972, vostede e outras 15 persoas traballaron arreo en The Limits to Growth. Cais eran os seus obxectivos ao inicio do proxecto?
Jay Forrester, un profesor titular do MIT, creara un modelo teórico que amosaba a interrelación entre algúns dos factores chave do crecemento global: poboación, recursos, contaminación persistente, produción alimentaria e actividade industrial. O noso obxectivo era recoller datos empíricos para comprobar o seu modelo e traballar sobre el. Queriamos entender as causas e as consecuencias do crecemento físico no planeta durante un período de 200 anos, entre 1900 e 2100.
En función do escenario estandard ou bussiness-as-usual, predixo que sobordariamos a capacidade de carga do planeta e colapsariamos a mediados do século XXI. Que quería dicir con colapso?
No modelo mundial, se non realizabamos grandes cambios axiña -aló polos setenta ou oitenta- no período de 2020 a 2050, a poboación, a industria, a alimentación e outras variábeis terían chegado ao seu pico e comezarían a caer. É iso o que denominamos colapso.
Ben, na vida real que significa? Non está claro. De algún xeito, é como estarmos en San Francisco e sabermos que vai haber un terremoto que vai facer que caian edificios. Que edificios van caer e onde van caer? Non temos xeito de comprender iso. O que sabemos é que a enerxía, a comida e o consumo material caerán sen dúbida e que seguramente virá dado por todo tipo de problemas sociais que realmente non modelamos na nosa análise. Se os parámetros físicos do planeta están en declive, non hai ningunha posibilidade de que a liberdade, a democracia e un montón de cousas inmateriais que valoramos vaian medrar.

Como podemos entender o que significa a capacidade de carga do planeta?
O tema da capacidade de carga global está cheo de todo tipo de problemas técnicos, científicos e filosóficos. Mais o mellor intento de afrontar estes variados problemas e achegar cifras concretas é o desenvolvido polo divulgador da sustentabilidade suízo Mathis Wackernagel e seus colegas. Mathis definiu o concepto “pegada ecolóxica global”. En esencia, converte toda a enerxía e os materiais que a humanidade emprega cada ano de fontes non renovábeis (como o petróleo) e asume que virán de fontes renovábeis como madeira ou o sol. Entón, compara o noso consumo actual co que a Terra podería xerar.
A razón pola que somos capaces de sobordar a capacidade de carga por períodos breves é a mesma razón pola que podes retirar máis diñeiro da túa conta bancaria do que esta che rende, tamén durante un período breve, se ves dun longo período de frugalidade. Mais vas acabar por deixar a túa conta a cero e ter problemas. Isto é exactamente o que está a pasar no planeta. Estamos a vivir dos aforros da biodiversidade, da acumulación de enerxía fósil, do solo agrícola e a acumulación de auga, e cando teñamos gastado todo, volveremos ao noso orzamento anual.
Tal como publicou o Washinton Post en 1972, vostede e os seus colegas foron “cualificados por un montón de xente como “fóra da realidade”. Cais eran as principais críticas?
Deixamos os mecanismos de prezo e por tanto o mercado fóra do modelo. Ou, subestimamos a taxa á que podían progresar os avanzos tecnolóxicos. Diría que estas foron as principais críticas. Tratabamos o mundo como un todo, e a xente sinalou acertadamente que o mundo non é homoxéneo. Ten un número enorme de diferentes rexións e culturas. Estes factores non estaban contemplados no modelo. Deixámolos fóra porque non críamos que ían ter incidencia na nosa conclusión central, mais os nosos críticos pensaban que si.
Os medios de comunicación centráronse no tráxico e negativo. Pero o informe tamén incluía escenarios optimistas que amosaban un futuro estábel e sustentábel. Que cambios asumían eses modelos?
Empregamos o modelo como maqueta do mesmo xeito que fas modelos de avións e próbalos no túnel de vento para ensaiar os distintos deseños. Experimentamos cunha variedade de mudanzas distintas para vermos cais poderían evitar o declive. Comezamos con mudanzas tecnolóxicas que incrementaban a produtividade agrícola, reducían a contaminación, aumentaban a dispoñibilidade de recursos naturais e continuamos na mesma liña. O que atopamos foi que os cambios tecnolóxicos por si mesmos non poderían evitar o colapso. Requiría tamén cambios sociais e culturais. Precisabamos estabilizar a poboación, e cumpría mudar as preferencias de consumo dos bens materiais aos inmateriais: amor, liberdade, amizade, comprensión e cousas semellantes.

Como fuches de optimista sobre o avanzo cara á sustentabilidade?
En 1972, e durante algún tempo máis, fun moi optimista. Era inxenuamente optimista. Acreditaba sinceramente no que denominei doorstep model of implementation (modelo de implementación do relanzo). É dicir, ti fas un traballo destacábel. Ti aprendes a “verdade”. Deixala diante da porta do decisor e cando sae pola mañá e a atopa muda o seu comportamento. O meu equipo traballou arduamente. Escribimos outros libros. Desenvolvemos materiais para a aprendizaxe. Moitos de nós dedicámonos ao ensino para contribuír a xerar as mudanzas que achabamos ían acontecer.
Chegados a este punto, xa non pensa que o desenvolvemento sustentábel é factíbel. Como o define?
Cando emprego o termo desenvolvemento sustentábel - que considero en realidade un oxímoron - fágoo tentando captar o significado que para a maioría de persoas semella ter. Coido que as persoas que o empregan cren que sería unha fase do desenvolvemento onde conseguirían manter o que teñen ao tempo que a xente pobre o podería atinxir. Ou na que poderían seguir facendo o mesmo que agora pero, grazas á maxia da tecnoloxía, causando menos dano ao ambiente e usando menos recursos. Sexa cal for a acepción, é unha fantasía. Ningunha delas será endexamais posíbel. Probabelmente tería sido posíbel nos setenta, mais agora non. Estamos usando un 150 por cento da capacidade de carga do planeta.
Cando mudou a súa visión sobre o desenvolvemento sustentábel?
Nos noventa xa comecei a revisala. Porén, só probabelmente nos últimos catro ou cinco anos tornouse claro para min que xa non é posíbel encararmos estes asuntos de xeito planificado e tranquilo. Acho que o exemplo do estoupido da burbulla punto com e máis tarde, en 2008, da inmobiliaria, ilustra sobre a nosa incribelmente limitada capacidade de enfrontar as burbullas. Limits to Growth aborda unha burbulla, unha burbulla de poboación e de consumo de enerxía e de materiais.
En lugar do crecemento que deberiamos identificar co progreso?
En todo o mundo estase a investigar para formular indicadores nacionais de benestar que sexan máis sofisticados que o Produto Nacional Bruto (PNB). Ironicamente, os creadores do PNB advertiron sobre o seu uso como indicador de éxito. Pero, por suposto, iso foi o que sucedeu. Precisamos ollar outros aspectos. Os Estados Unidos, por exemplo, posúen o número máis elevado de prisioneiros por habitante do mundo. Temos a maior débeda. A mobilidade social é menor que a da maioría dos demais países industrializados. A fenda entre ricos e pobres é máis grande. Temos moitos problemas, e un mellor indicador de suceso debería comezar por recollelos, cuantificalos e combinalos dalgún xeito.
Suliña a necesidade da resiliencia. Que quere dicir con iso?
A resiliencia é a capacidade dun sistema para enfrontar as adversidades e continuar funcionando. Que significa na práctica? Hai unha literatura ben desenvolvida sobre a resiliencia sicolóxica. A comunidade médica tentou entender como unha persoa pode reaccionar perante unha ruptura amorosa, unha doenza grave ou a perda do emprego e proseguir a súa vida. Comeza a haber un eido de investigación, particularmente desde o Katrina, verbo da resiliencia comunitaria, ou da capacidade dunha cidade ou dun grupo social de enfrontar os shocks e seguir a atender as necesidades dos seus membros. Estou a me referir a unha resiliencia a longo prazo. Estou falando de como abordarmos o fin do tempo da enerxía barata ou a mudanza climática e como facérmolo a nivel individual, comunitario e nacional para asegurarmos que -aínda que non sabemos exactamente o que vai acontecer- seremos capaces de satisfacer as nosas necesidades básicas.
Dos especialistas que abordan o crecemento hoxe e fan predicións sobre o futuro, quen cre que son os que merecen atención?
Lester Brown (analista ambiental e autor de World on the Edge) proporciona análises moi úteis sobre o que está acontecendo co sistema alimentario. Destaca que na maioría das rexións do mundo estanse a sobreexplotar as augas subterráneas. Algúns destes acuíferos xa non se recargan; son augas fóseis, e outros teñen taxas de recarga baixas. Polo tanto, chegaremos en pouco tempo a unha situación onde o noso uso destes acuíferos non poderá exceder a súa taxa de recarga anual. Isto significará que os alimentos que están a ser producidos grazas ao sobreconsumo de auga ou ben deixarán de se producir ou ben serán producidos con outros métodos.
Nin sequera a crise económica pode coa desmedida paixón española polas infraestruturas de transporte. Aínda que tampouco se libran dos recortes, seguen a recibir inxentes cantidades de diñeiro público en Galicia e no conxunto do Estado español. Pouco parece importar que o incremento da sobredotación deste tipo de infraestruturas agrave o ignorado déficit ecolóxico e desvíe cuantiosos recursos económicos que se poderían destinar á protección social e á mellora ambiental nun tempo de recortes sociais e ambientais brutais. Sempre hai proxectos “estratéxicos”, “irrenunciábeis”, con “incuestionábeis” beneficios e “desprezábeis” prexuízos. Aquí non hai que mirar moito polos cartos, o único que importa é que infraestruturas “inadiábeis” se fagan canto antes.
O proxecto de Orzamentos do Estado para 2012 prevé investir en Galicia 1.600 millóns de euros en infraestruturas de transporte, toda unha fortuna face aos 33 millóns reservados para medio ambiente. Este segue a ser o grande esquecido nos Orzamentos, agora máis que nunca, e por suposto non só no noso país, senón en toda España, como veñen de denunciar nun comunicado con escasa repercusión mediática as cinco principais organizacións estatais de defensa ambiental. Por exemplo, o orzamento para o presente ano do Organismo Autónomo estatal que xestiona os Parques Nacionais (66 millóns) é similar ao destinado para a finalización dunha autovía en Galicia, a do Cantábrico (60 millóns).
A adición da sociedade española ás infraestruturas de transporte baseáse en non poucos tópicos e mitos e na infravaloración dos seus custos. O investimento tan elevado realizado nestas infraestruturas durante os últimos anos, alén de ter sido un potentísimo motor de insustentabilidade ecolóxica, encontra difícil xustificación mesmo desde unha perspectiva economicista convencional ignorante dos límites ambientais.
Ecoloxistas en Acción elaborou unha exposición (ver máis abaixo) e un caderno , traducidos ao galego por Verdegaia, que pretenden “desvelar os danos ambientais asociados á masiva construción de infraestruturas de transporte, así como o custo económico e o impacto territorial desta política, sen se esquecer de salientar quen se benefician e quen son os prexudicados e prexudicadas por estas políticas”. Asemade, organizou en xuño do ano pasado as Xornadas “Infraestruturas de transporte, mitos e realidades”, que contaron coa participación de especialistas críticos, cuxos relatorios se poden descargar desde a web das xornadas.
Na última semana teño lido e escoitado unha chea de artigos e opinións arredor do desastre acontecido nas Fragas do Eume. Todos sinalaban en maior ou menor medida algunhas das causas estruturais xa coñecidas como son o abandono dos usos tradicionais do monte, a diminución e avellentamento da poboación no rural, a alta combustibilidade do monte galego polo desenvolvemento dunha política forestal á medida das industrias da celulosa e dos taboleiros, a “cultura do lume” e os novos riscos asociados ao uso urbanístico e de lecer. Porén, a maior reiteración dábase nas causas conxunturais relacionadas coas políticas orientadas á extinción no canto da prevención e os recortes nos orzamentos adicados a ámbalas dúas1
En ningunha delas, agás a publicada por Xosé Veiras neste mesmo blog, incorporábase a variable do cada vez máis evidente cambio climático nas súa análise. Un factor novo, cunha enorme incidencia, que irá medrando exponencialmente ao non sermos quen de reducir as nosas emisións de gases de efecto invernadoiro. Nin é estrutural nin é conxuntural senón que afecta a mesma base que sustenta a biodiversidade tal como a coñeciamos ate o de agora: o clima.
O estudo Impactos, vulnerabilidad y adaptación al cambio climático en el sector forestal elaborado polo Grupo de Ecoloxía e Xestión Forestal Sostible (ECOGESFOR) da Universidade Politécnica de Madrid baixo coordenación da Oficina Española de Cambio Climático, e publicado o pasado ano, sinala a redución da dispoñibilidade hídrica como consecuencia do incremento da evaporación
por aumento da temperatura, a redución da humidade relativa do aire por incremento térmico e o aumento da velocidade do vento como os factores debidos ao cambio climático máis directamente relacionados cos incendios forestais.
Estes tres factores déronse de xeito superlativo no incendio das Fragas do Eume. É certo que atravesamos a maior seca dende principios do pasado século mais tamén o é que o réxime de chuvias está a cambiar. A pasada semana apareceron na prensa datos dun estudo elaborado polo catedrático emérito da USC Francisco Díaz-Fierros para Unións Agrarias2 no que sinala a tendencia á diminución do réxime de chuvias nos meses de febreiro, marzo e abril, augurando situacións de estres hídrico máis frecuentes e repetidas no futuro. Estes datos confirman os xa apuntados polo Oficina Española de Cambio Climático en 20053, e confirmados polo estudo Evidencias e impactos do cambio climático en Galicia4 na liña dunha diminución das chuvias na primavera e maiores picos térmicos.
En definitiva, compre incorporar os efectos do cambio climático na planificación da nosa xestión forestal en tódolos seus aspectos, pero particularmente nos de prevención e extinción de incendios forestais. Os tradicionais períodos de máxima incidencia de lumes serán máis amplos e máis intensos polo que cidadanía e administración deberemos obrar en consecuencia.
—————————————
1 Os incendios en Galicia: análise e propostas. Verdegaia, 2006
2 Un estudio de la USC alerta de sequías «más frecuentes e intensas en el futuro» en Galicia. La Voz de Galicia. 03/04/2012
Nunca un único incendio xerou unha resposta social como a que está a producir o grande incendio que vén de arrasar parte do Parque Natural das Fragas do Eume, malia ter habido non poucos nas últimas décadas de importancia equiparábel. Agardemos que esa resposta non se apague coas últimas lapas do incendio.
Por se tratar dun incendio especialmente grave, sería desexábel que unha comisión de expertos independente investigase o desempeño da Xunta na súa extinción. É algo que xa se ten feito para algúns incendios en Portugal. Vista a extensión que acadou o incendio, e sen pór en cuestión a entrega das persoas que participaron no dispositivo, semella que a resposta deixou moito a desexar, o que algo terá a ver cos recortes orzamentarios na loita contra os lumes. Pero máis alá de fallos na extinción, que no comezo da primavera se produza un incendio de perto de 1.000 hectáreas nun parque natural e a súa contorna, afectando mesmo unha extensión importante duns bosques autóctonos de extraordinario valor, só se explica por unha mala xestión do territorio e unhas condicións meteorolóxicas moi favorábeis para a propagación do lume, condicións que o cambio climático pode facer cada vez máis frecuentes no futuro.
Un Parque Natural de moi baixo perfil
Como apuntaron oportunamente nun comunicado ADEGA, SGHN e Verdegaia, o incendio das Fragas do Eume non é alleo ás deficiencias na política forestal e na xestión dun Parque Natural que naceu mal e non acaba de endereitar o rumo. Concebido inicialmente cunha extensión de 40.000 hectáreas, a proposta sometida a consulta pública pola Xunta en 1994 reduciu a extensión á metade. Noutra metade se volveu reducir ao se declarar en 1997 con pouco máis de 9.000 hectáreas, un terzo das cais están ocupadas polas fragas do río Eume e os seus afluentes. Un proceso de creación torpe e nada participativo e unha oposición bastante frontal de sindicatos agrarios e partidos políticos, fixeron socialmente moi conflitivo o nacemento do parque, que moitos quixeron reducir só á extensión coberta polas fragas.
Se Galicia é un exemplo paradigmático de eucaliptización na península Ibérica, de expansión masiva e desordenada das plantacións de eucalipto, as Fragas do Eume é o caso galego máis lamentábel, como expoñen dous investigadores da Universidade Rey Juan Carlos no informe La conflictividad de las plantaciones de eucalipto en España y Portugal (Greenpeace, 2011). Na zona ocupada hoxe polo Parque Natural, o eucalipto multiplicou por tres a súa superficie entre 1957 e 2003, mentres o bosque autóctono perdía un 20% da súa superficie. Que despois de 15 anos de existencia do parque natural non se avanzase na eliminación dos eucaliptos que invaden o mellor bosque atlántico de baixa altitude de Europa ilustra até que extremos chega o desleixo na xestión forestal e na conservación dos espazos naturais no noso país. Polos eucaliptos entrou o lume nas fragas.
O cambio climático dificultará a loita contra os incendios
Ninguén pode asegurar que a seca que estamos a padecer é unha manifestación da mudanza climática global (tampouco o contrario), mais si podemos afirmar que secas como esta serán no futuro cada vez máis frecuentes por causa do cambio climático, tornando os nosos montes máis vulnerábeis aos incendios. O estudo científico Evidencias e impactos do cambio climático en Galicia (Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, 2009) dinos claramente, cun alto grao de certeza, o que hai e o que nos podería esperar se non se reducen as emisións mundiais de gases de invernadoiro: “os índices de perigo de incendios amosaron unha tendencia clara ao empeoramento nos últimos decenios”, “ máis marcada na época de perigo invernal (marzo) que no verán”; “os incendios poderán facerse máis rápidos e intensos no futuro, especialmente nos períodos libre de choiva e na época de seca invernal”. Cantas máis emisións, máis cambio climático e máis perigo para o monte.
Ben perto das fragas do Eume está a central térmica de carbón das Pontes, propiedade de ENDESA. Unha central eléctrica sucia e ineficiente, responsábel ela soa da quinta parte das emisións causantes da mudanza climática desde Galicia (en 2009, último para o que hai datos oficiais). Se nos tomásemos en serio o cambio climático o primeiro que faríamos sería porlle data de peche. En lugar diso, hai ano e medio organizouse na súa defensa unha ampla cruzada institucional, mediática, sindical e partidaria. Non facía falta tanto empeño. Malia o decreto do carbón, en 2011 incrementou a súa produción a respecto do ano anterior. A central de morte segue traballando a bo ritmo en contra do futuro, sen saber de fronteiras.
A natureza si que é estratéxica
Acabar totalmente cos lumes é imposíbel, mais si é posíbel que deixen de ser o grave problema que veñen sendo nas últimas décadas. Para iso cómpre moito tempo, moito esforzo, moito diñeiro. Que os políticos, segundo lles toque estar no goberno ou na oposición, deixen de intercambiar papeis patéticos fronte aos lumes. Que se poñan de acordo en destinar recursos ao que é realmente estratéxico, ao que xera riqueza de verdade, como a xestión sustentábel do monte, a produción ecolóxica de alimentos ou a conservación da biodiversidade, e non, por exemplo, en seguir enterrando inxentes sumas de diñeiro -mesmo en tempo de agresivos recortes sociais e ambientais- en infraestruturas de transporte insustentábeis e prescindíbeis. Co diñeiro investido nuns centos de metros de autovía daría para termos blindado as Fragas do Eume contra o lume.
@xoseveiras
Trailer do documentario “Energías limpias.Negocios sucios”, que cobrou nova actualidade despois de as grandes eléctricas teren conseguido do Goberno Rajoy a “moratoria renovábel”. O documentario completo (34 minutos) pode verse aquí:
http://www.youtube.com/watch?v=ByFLAS2Gd08&list=UUExMKiu0PKTB5AW3fT8jlgg&index=1&feature=plcp
Unha parte importante do movemento ecoloxista apoiará a Folga Xeral convocada para o vindeiro 29 de marzo en todo o Estado español. Este respaldo fundaméntase na consideración de que a última reforma laboral e o conxunto das políticas socioeconómicas neoliberais que se están a aplicar agravan ao tempo as inxustizas sociais e a insustentabilidade ecolóxica.
Ecoloxistas en Acción, a confederación ecoloxista estatal, manifestou o seu apoio á folga xeral e pretende aproveitar a convocatoria para denunciar tanto os recortes sociais como os atropelos ambientais, ambos os dous consecuencias dun sistema económico que favorece as clases máis adiñeiradas e esquilma a natureza. Ademais, está a recoller sinaturas desde a súa web a favor dun manifesto ecoloxista en apoio á folga xeral.
En Galicia é probábel que algunhas organizacións ecoloxistas que xa apoiaron no pasado convocatorias semellantes, tal o caso de ADEGA ou de Verdegaia, expresen tamén publicamente o seu respaldo á Folga Xeral do 29M.

2011 non foi un bo ano para as enerxías renovábeis en Galicia. Non parece que os próximos vaian ser moito mellores despois do “parón renovábel” decretado polo Goberno estatal a pedido das grandes eléctricas.
A produción de electricidade renovábel depende da evolución da potencia instalada, da capacidade de produción, e mais das condicións meteorolóxicas (por exemplo, canto máis chova maior será a produción hidroeléctrica). Durante o ano pasado, a potencia instalada en enerxía eólica, o motor do importante crecemento da produción eléctrica renovábel rexistrado no noso país desde finais dos anos noventa, non medrou nada: instaláronse 0 MW. O incremento da solar fotovoltaica que estaba previsto para 2011, malia supor un salto en termos relativos, non compensará o parón eólico. A Asociación da Industria Fotovoltaica (ASIF) asegura que Galicia, “con máis irradiación que Alemaña, primeiro mercado solar do mundo”, “ten un tremendo potencial”. Porén, continuamos a adiar o seu despegue definitivo.
O tempo tampouco foi favorábel en 2011 para a produción renovábel, que debeu baixar a respecto de 2010, ano no que, por primeira vez, a xeración de electricidade renovábel case iguala o consumo interno galego.
O desenvolvemento intenso das enerxías renovábeis, xunto coa aplicación de medidas contundentes de promoción do aforro e a eficiencia enerxéticas, contribuiría ao tempo a reducir o desemprego, a pegada ecolóxica e a dependencia enerxética (no caso galego, atinxe nada menos que o 80%, en termos de enerxía primaria). Mais non todo o mundo o ve así. As grandes eléctricas (Gas Natural Fenosa, ENDESA, Iberdrola,…) seguen a basear o seu negocio nos grandes encoros hidroeléctricos e na electricidade sucia. Ademais, úrxelles rendibilizar o investimento que veñen de facer en numerosas centrais de ciclo combinado a gas natural (as dúas que construíron en Galicia durante a pasada década só traballaron ao 20 % da súa capacidade en 2010). Por iso, demandan desde hai dous anos que se free o crecemento das renovábeis no Estado español, nomeadamente da enerxía solar (fotovoltaica e termoeléctrica), cun potencial moi pouco aproveitado.
As renovábeis coméronlle moito terreo á electricidade fósil
A achega das renovábeis á produción de electricidade medrou moito nos últimos anos, favorecida polas primas e pola garantía da venda de toda a produción, coméndolle o terreo ás enerxías sucias. O seu peso relativo ten aumentado aínda máis grazas á crise económica, que tende a reducir o consumo de electricidade. Segundo os informes anuais de Rede Eléctrica de España (REE), as renovábeis (sen incluír os grandes encoros hidroeléctricos), aumentaron a súa participación na xeración eléctrica en Galicia do 6 ao 35% no período 1999-2010. Falando en números absolutos, mentres as enerxías limpas (excluíndo a grande hidroeléctrica) multiplicaron por sete a súa produción no devandito período, a achega das non renovábeis (carbón, gas natural, petróleo) tende a reducirse na nosa terra desde 2004. En 2010 chegou a diminuír nun 45% en comparación con 2004.
O Goberno de Zapatero non foi insensíbel ás demandas das cinco grandes eléctricas agrupadas na patronal UNESA, adoptando diversas medidas para ralentizar a expansión das enerxías renovábeis. Mais é agora co novo Goberno do PP que o oligopolio eléctrico ve atendidas plenamente as súas reclamacións a prol dun “parón renovábel”. Como titulou a revista “Energías Renovables” na súa capa do número de febreiro, “UNESA comienza a gobernar”.
Recorrendo ao argu
mento de que xerar moita enerxía renovábel é demasiado caro (para quen?, a curto ou a longo prazo?, en que termos?), unha das primeiras medidas de calado do Goberno de Rajoy foi a sorpresiva supresión, de forma urxente e por tempo indefinido, dos incentivos económicos para novas instalacións de enerxías renovábeis. Estes incentivos, acusados inxustamente de seren os principais responsábeis do chamado “déficit de tarifa” e da suba do recibo da luz, son necesarios para garantir unha expansión ampla e rápida das tecnoloxías renovábeis até que atinxan a súa madurez. Á marxe do discutíbel que poidan ser a súas contías concretas en cada momento, as primas ás renovábeis non son nin un luxo nin un capricho. Ben ao contrario. Son un investimento de futuro do que xa hoxe obtemos beneficios importantes: menor dependencia da importación de combustíbeis fóseis cada vez máis caros e cuxa extracción é moi impactante, mellora da calidade do aire, empregos verdes, aforro de enerxía primaria,…. Con todo, os beneficios socioambientais serían ben maiores se o desenvolvemento das renovábeis se democratizase -con maior impulso á produción para o autoconsumo e cunha participación destacada de pequenos investidores e de capital público no negocio renovábel- e se, ademais, fose paralelo ao decrecemento sostido do consumo de enerxía final, hoxe excesivo.
Diversas organizacións ecoloxistas, sindicais, empresariais do sector renovábel,…. dirixíronse conxuntamente ao Goberno central para lle esixir que “reoriente a remuneración da electricidade e non prexudique as renovábeis”, algo que tamén debería facer a Xunta. Consideran que a moratoria renovábel “obedece a unha formulación nesgada e demagóxica en torno á enerxía posto que non ten en conta os custos reais de xeración, nin os beneficios desorbitados de instalacións hidráulicas e nucleares amortizadas, nin as externalidades sociais e ambientais que cada tecnoloxía produce”.
Non todo é malo
A “moratoria renovábel” decidida polo Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo traerá tamén algunha cousa boa. Así, é probábel que leve por diante algúns proxectos de parques eólicos ambientalmente inaceptábeis admitidos no último concurso eólico da Xunta, convocado ao abeiro dunha nova regulación autonómica que, como as anteriores, non compatibiliza adecuadamente a instalación de parques eólicos coa conservación da biodiversidade, posibilitando parques en espazos naturais de elevado interese, onde non se deberían construír.
Alén diso, pode inviabilizar a nova incineradora do lixo a situar no Irixo ou noutro lugar do sur do país, tanto de xeito indirecto (na medida en que poida afectar o negocio eólico da empresa promotora, Estela Eólica, ao que está vencellado), como directo (na medida en que, o mesmo decreto que elimina primas ás renovábeis tamén as suprime para a produción de electricidade a partir de residuos en novas incineradoras). Iso si, SOGAMA seguirá recibindo primas pola electricidade sucia que produce de xeito ineficiente!.
@xoseveiras
A resilencia defínese desde as ciencias sociais como a capacidade dunha persoa o colectivo para recuperarse perante unha adversidade. Tamén no eido da ecoloxía ten unha definición semellante, concretamente a capacidade dun ecosistema para recuperar a estabilidade ao ser afectado por unha perturbación.
Este concepto volve a primeira liña da man das comunidades de transición. Estas xurdiron en Irlanda e Gran Bretaña a mediados da pasada década co obxectivo de aumentar, a partir de procesos desenvolvidos pola cidadanía, a capacidade de resilencia da comunidade perante as inminentes mudanzas críticas provocadas polo Cambio Climático e o Pico do Petróleo.
Un dos elementos estratéxicos para aumentar a resilencia fronte a estes dous factores é a adaptación da capacidade de produción alimentaria ás novas condicións climáticas e enerxéticas que xa comezamos a albiscar.
Porén, Galicia está dar pasos de xigante na dirección contraria, reducindo progresivamente a capacidade de producirmos alimentos, facéndonos proporcionalmente máis dependentes de insumos externos subministrados por unha cadea de transporte baseada na enerxía fósil.
Como case sempre, temos que ir recollendo datos de distintas fontes para podérmonos facer unha composición de lugar sobre a situación en Galicia. A maior ferramenta estatística dispoñíbel é o Censo Agrario[i] . A súa última actualización, no 2009, sinalaba datos realmente preocupantes. Tal como indica X.R. Doldán[ii], a comparativa entre os datos do Censo agrario de 1999 e o do 2009 son demoledores. O 70,5% das explotacións que existían en 1999 desapareceron e abandoáronse 1.129.823 has de terras, 59.000 hectáreas de labradío e o resto de monte. En porcentaxes, as terras de labor reducíronse un 23 %, sen que o leve incremento do 2% en terras de pasto reduzan a dureza dos datos.
A estes datos temos que engadir as reiteradas denuncias (máis de 200) do Sindicato Labrego Galego[iii] sobre a ocupación de terras agrícolas por plantacións forestais, aproveitando os incendios que a cotío padecemos no noso país. A pesares de que a Lei de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais prohibe expresamente “as repoboacións forestais en zonas dedicadas a labradío, cultivo, prados ou pastos, con independencia da súa cualificación urbanística”[iv], semella que a administración mira para outro lado agravando a perda de terras cultivábeis parella ao abandono do rural. Tamén denuncian, segundo publica Diovivo[v] que a Lei de Mobilidade de Terras aprobada recentemente permite o acceso as terras xestionadas polo Banco de Terras a empresas que non teñen actividade agraria e, por último, que a Lei de Montes, pendente de aprobar, legaliza a forestación de terras agrarias.
Causa estupor escoitar as alporizadas defensas de sectores cualificados de estratéxicos como o naval ou a industria do automóbil en boca de responsábeis políticos e sindicais namentres destruimos sen chistar a nosa capacidade de decidir que alimentos producimos e consumismos, é dicir, a nosa soberanía alimentar
E digo eu, hai algo máis estratéxico que alimentarse?
[i] O Censo Agrario é unha recompilación estatística en profundidade elaborada polo INE e realizada nos anos que rematan en 9. Ver http://www.ine.es/censoagrario/censoag.htm